Aínda que ao falar de tecnoloxías tendemos a darlle o mérito aos seus inventores, nas últimas horas son moitos os medios que están a recoñecer unha figura do mundo audiovisual por ser o que promoveu a adopción de novas tecnoloxías ás retransmisións televisivas, xa que a pasada fin de semana finou nos EE.UU. o produtor televisivo Anthony F. Verna, considerado como o inventor da repetición en eventos deportivos.
Aínda que en España foi o programa Estudio Estadio o que popularizou La Moviola nos anos 70, nos EE.UU. comezaron a empregar a tecnoloxía que permitía ver a repetición dunha xogada que viña de producirse en 1963, momento no que o locutor tiña que advertir ao público que a xogada non estaba en directo, para que o público non pensase que un dos equipos volvese a anotar.

Máis de 50 anos despois a repetición continúa a ser un elemento imprescindible para a meirande parte das retransmisións deportivas, mudando a linguaxe audiovisual e recoñecéndose que certas innovacións gozan de tan boa aceptación que pasan a converterse en imprescindibles pola súa elevada demanda por parte do público.
Tony Verna non só fixo carreira con retransmisións deportivas, senón que tamén dirixiu entrevistas cos presidentes Reagan e Bush, unha retransmisión papal (de Xoán Paulo II) e o histórico concerto Live Aid de 1985, polo que podemos entender que detrás deste pioneiro tamén estaba un magnífico profesional do seu medio.
Falece Tony Verna, o inventor das repeticións en retransmisións deportivas
Compartir Este Artigo
