O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vén de anunciar a súa participación nun proxecto internacional destinado a establecer modelos innovadores de facer ciencia. Máis polo miúdo, a impulsar en Europa novos modelos de investigación que rompan cos anteriores, modelos abertos e sen fronteiras e con meirande dispoñibilidade das infraestruturas. O centro galego, que é un dos principais socios da iniciativa, participou o pasado 15 de xaneiro nunha xuntanza da European Grid Infraestructure (EGI) na que se deron a coñecer as liñas básicas do proxecto. Coñécese como EGI-Engage (nome completo: Involucrar á Comunidade de Investigación cara a unha Open Science Commons) e obtivo da Comisión Europea unha cualificación de 15 sobre 15. Está programado que comece a súa andaina en marzo deste ano. O lanzamento público terá lugar na Conferencia EGI 2015 en Lisboa, o vindeiro 18 de maio.
O CESGA participa no proxecto xunto con máis de corenta socios de Europa, EE.UU. e seis países da contorna Asia-Pacífico. Xuntos colaborarán nun marco Open Science Commons para proporcionar a investigadores de todas disciplinas un cómodo acceso a servizos dixitais, datos, coñecementos, experiencia e soporte relevantes para os seus obxectivos de investigación. O obxectivo principal da iniciativa é “ampliar as capacidades dunha rede troncal europea de servizos de e-Infraestrutura federados para a investigación”. Polo tanto, o que se procura é desenvolver e refinar unha estratexia para a ciencia e o coñecemento abertos (Open Science Commons), exposta, en palabras do CESGA, como “un novo enfoque da investigación dixital, facer fronte aos retos que expoñen as políticas públicas e abrazar a paradigma da ciencia aberta como novo modelo para a colaboración na creación de coñecemento”.
Nun plano máis concreto e facendo referencia ás achegas do CESGA, o centro galego contribuirá con servizos e integracións propias de software críticos para a xestión da infraestrutura. “Dende o CESGA”, informan, “achegaremos servizos de seguimento e contabilidade de uso de recursos nesta plataforma distribuída”, afirma Carlos Fernández, responsable do proxecto en CESGA.
Segundo fai saber Mateo Dovey, presidente do Consello de European Grid Infraestructure, EGI-Engage basearase nos logros de EGI-Inspire, proxecto en que se desenvolveu un modelo de infraestrutura científica orientada ao servizo a disposición da comunidade EGI e consolidou os grupos de usuarios xa existentes. E engade: “Este proxecto apoiará a implantación da nosa nova estratexia, para ser máis áxiles na prestación dunha ponte entre as comunidades de investigación e a oferta de e-Infraestruturas para a investigación, a través do co-deseño e co-desenvolvemento dos servizos, os servizos de contorna virtual de investigación específicos da comunidade, da tecnoloxía grid e dunha infraestrutura cloud para fomentar a ciencia aberta e os datos abertos”.
En boa medida, outro dos obxectivos finais é apuntalar a consecución dun espazo europeo de I+D “ideal”. Ou sexa, “unha área de investigación unificada, aberta ao mundo e baseada no mercado interior, na que os investigadores, os coñecementos científicos e as tecnoloxías circulen libremente e a través da cal a Unión e os seus Estados Membros poidan fortalecer as súas bases científicas e tecnolóxicas, a súa competitividade e a súa capacidade para abordar colectivamente os grandes retos”.
Sinalar por último que Open Science Commons pretende abranguer todos os elementos precisos para unha axeitada efectividade de funcionamento: datos de investigación, instrumentación científica, servizos de TIC (conectividade, informáticos, plataformas e servizos específicos de investigación como portais), e coñecemento. Segundo apunta Yannick Legré, director xeral de EGI.eu, “EGI-Engage mellorará os servizos que a infraestrutura EGI e as iniciativas Grid estatais ofrecen aos científicos e fortalecerá as ligazóns dentro da comunidade de provedores de e-Infraestrutura europeos”.
O CESGA, entre os impulsores dun proxecto para apuntalar a ciencia europea do día de mañá
Compartir Este Artigo
