Esta semana o Concello de Santiago de Compostela está procurando potenciar o seu turismo amosando no expositor de Turgalicia na feira FITUR 2015 algunhas das súas innovacións entre as que destaca o proxecto Past View Santiago, que mediante unhas lentes con proxección de vídeo integrada permitirá que os visitantes da capital de Galicia poidan internarse no pasado da poboación a través de reconstrucións virtuais e realidade aumentada que estará dispoñible na tempada de verán.
O rexedor compostelán, Agustín Hernández, asegurou na feira que este proxecto nace para “continuar preservando o noso legado histórico e amosar a importancia do noso pasado”, matizando que “non se trata de innovar por innovar, nin de utilizar a tecnoloxía por modas, senón que se trata de aplicar os novos avances para facer da visita á cidade unha experiencia máis profunda, que permita mellorar o coñecemento do noso legado histórico”.
A tecnoloxía Past View, que xa se aplicou a outras cidades españolas, consiste nunhas lentes conectadas a un smartphone no que un software facilitará o acceso a contidos adicionais como información de monumentos, galerías de imaxes ou locucións ás que poderemos acceder axilmente grazas a que o dispositivo aproveitaría o GPS para saber onde estamos e amosarnos así a información do que temos ao noso redor. A realidade aumentada tamén fará doado comparar o pasado e o presente dos monumentos máis significativos de Compostela.
Compostela fará uso da realidade aumentada para potenciar o seu patrimonio de cara ao turismo
Compartir Este Artigo
