O Consorcio da Zona Franca de Vigo quere apoiar as segundas e terceiras vidas para os materiais electrónicos. Seguindo este fío, vén de anunciar que emprazará un colector experimental no parque Porto do Molle, en Nigrán. Trátase, máis polo miúdo, dun receptáculo intelixente para a reciclaxe de material electrónico desenvolvido ao abeiro do proxecto Life Ecoraee, unha iniciativa de raizame galega da que xa temos falado en Código Cero (salientando o impulso e compromiso da Universidade de Vigo, da empresa Revertia e o centro EnergyLab) e que consiste en apostar pola reutilización dos aparellos tecnolóxicos.
O contedor en cuestión vaise instalar o vindeiro martes 3 de febreiro no Porto do Molle fronte ás instalacións do supermercado Mercadona. Por certo que tamén se situará unha caseta no Centro de Negocios desde onde se dará conta dos obxectivos da campaña Reciclar é Vida da Fundación Ecolum. Esta actividade, que se desenvolverá no Porto do Molle durante todo o mes de febreiro, é froito da colaboración do Consorcio da Zona Franca co devandito proxecto Ecoraee, cuxa dirección científica coordinase dende a Vicerreitoría de Transferencia do Coñecemento da Universidade de Vigo. O proxecto, sinala a Zona Franca, “quere demostrar que a correcta reciclaxe do lixo electrónico non só reverte en beneficios ambientais senón que tamén xera emprego directo e indirecto naqueles territorios que aposten por esta iniciativa”.
Por certo que o colector en cuestión chega ao Porto do Molle como punto final dunha ruta que partiu de Zaragoza cara a Galicia o pasado mes de outubro e que percorreu cinco localizacións diferentes. O colector estará operativo desde o 4 de febreiro e manterase no parque durante todo o mes.
O Porto do Molle acollerá un dos contedores de material TIC do proxecto Life Ecoraee
Compartir Este Artigo
