
O xerente de Gaélica Solar, Manuel Eirín, obsequiou ao embaixador cun kit de bombeo solar, que permite o bombeo directo de auga utilizando enerxía solar captada a través dun panel fotovoltaico, e cun sistema autónomo de iluminación, tamén a través de enerxía solar, para que os envíe ao seu país e poidan comprobar a súa efectividade. Tamén lle amosou os alimentadores solares automáticos para gando. “Estas”, sinala a Tecnópole, “serían as solucións tecnolóxicas orientadas a mellorar a actividade agrogandeira do país, da que depende o 75% da poboación”.
Como dixemos, Lang Yabou tivo tamén ocasión de coñecer a Javier Taibo e José Manuel M. Mariño, director xeral e director de vendas de Egatel, respectivamente. Os representantes da empresa, en palabras da Tecnópole “a principal provedora de transmisores de televisión dixital en España”, presentáronlle os seus produtos, dirixidos ao mercado profesional de operadores e canles de TV. Egatel, que iniciou en 2001 a venda de produtos no mercado internacional, conta con clientes en 25 países. Entre eles, xa está a subministrar equipos para a extensión da cobertura de TDT a varios países africanos: Alxeria, Tanzania, Marrocos e Tunisia.
Egatel e Gaélica Solar amosan as súas solucións perante o embaixador de Gambia
Compartir Este Artigo
