Vodafone vén de amosar as súas cifras relativas ao último trimestre de 2014, un período que se salda cunha freada da caída de ingresos (o descenso foi do 8,9%, contrastando co 9,3% e o 15,3% de caídas nos períodos previos) e cun medre considerable no seu número de clientes, crecemento aplicable non só aos usuarios de telefonía móbil senón tamén de redes fixas. Así, a carteira dos primeiros usuarios medrou en 31.000 altas ata acadar a cifra de 14.8 millóns, incluíndo as cifras conxuntas de Vodafone e Ono. A base de usuarios de liñas fixas tamén subiu en 70.000 novos usuarios, chegándose a un total de 2.776.000, dos que cales 1.595.000 pertencen a liñas de fibra óptica.
Polo que respecta aos ingresos, seguen a ser negativos, aínda que en menor medida se os comparamos cos períodos previos. Con respecto ao acontecido o ano anterior, Vodafone ingresou un 8,9% menos respecto ao ano 2013. As cifras de negocio fixo, pola súa banda, aumentaron nun 9,9% en comparación ao mesmo período do ano anterior, sendo esta suba unha das principais razóns da recuperación de Vodafone en España en relación aos períodos anteriores de 20014. Os ingresos por servizo, tendo tamén en conta as cifras de Ono, acadaron os 1.171 millóns de euros.
Polo que atinxe á integración de Ono, empresa española recentemente adquirida por Vodafone, en palabras desta compañía “avanza de acordo aos plans previstos”. Isto quere dicir que dende o 25 de agosto existe unha oferta cruzada para os clientes de ambas as compañías, que Vodafone xa emprega a rede de fibra de Ono na súa transmisión e que a firma adquirida xa se beneficia das economías de escala de Vodafone na compra dos seus terminais. Ademais, “séguese avanzando na integración das oficinas das dúas organizacións”, engade Vodafone, que explica tamén que “as iniciativas de integración marchan segundo o contemplado e permitirán xerar unhas sinerxías previstas en valor actualizado de 2.000 millóns de euros en custos e 1.000 millóns de euros en ingresos”.
Os clientes de Ono frean a caída de ingresos de Vodafone
Compartir Este Artigo
