Galicia Open Future, a iniciativa de aceleración empresarial de Telefónica en Santiago, vai ter máis familia. Así o fixo saber este martes a operadora durante a sinatura dun acordo co Ministerio de Industria e que consiste nun convenio para o impulso do emprendemento, a innovación, a xeración de emprego e a formación no ámbito dixital, a través do programa España Open Future. Este foi dado a coñecer polo ministro José Manuel Soria e o presidente da operadora, César Alierta. O obxectivo da iniciativa é “contribuír ao desenvolvemento do ecosistema emprendedor en España, amais atraer talento e apoiar proxectos empresariais”.
A alianza tamén busca favorecer a innovación aberta, a empregabilidade e máis a formación, ingredientes básicos para impulsar economías sustentables e industrias en continuo proceso de transformación e, polo tanto, dixitalización. O programa artéllase a través dunha plataforma de aceleración virtual aberta. Esta, sinalouse, actuará como elemento de dinamización do ecosistema emprendedor e como antena de captación de talento, así como de espazos de traballo interconectados nos diferentes territorios. “A través deles”, informa Telefónica, “levaranse a cabo programas de aceleración, formación e investimento que serán soportados non só polos socios asinantes do acordo, senón tamén polos organismos territoriais xa adheridos a Telefónica Open Future, así como por novas organizacións públicas e corporacións privadas que se queiran sumar ao mesmo”.
Lembrar que Telefónica Open Future, do que forma parte Galicia Open Future, é un programa global e aberto deseñado para conectar a emprendedores, startups, investidores e organizacións públicas e privadas de todo o mundo. O seu obxectivo, sinala a operadora, “é orientar a innovación cara ao desenvolvemento de proxectos viables, mediante un modelo que dá visibilidade ao talento e conéctao con organizacións, investidores e empresas que o requiren”.
Telefónica e Industria xuntan forzas para pór en marcha o programa España Open Future
Compartir Este Artigo
