Tras o órdago de Telefónica á CNMC dando a entender que reducirá drasticamente os seus investimentos en infraestruturas se teñen que compartir as súas redes de fibra óptica, levou a que o Grupo Parlamentario Popular presentase unha iniciativa no Senado posicionándose do lado da operadora para presionar á Comisión para que botase atrás a súa proposta, pero finalmente decidiron suspender a súa moción despois de que o presidente da CNMC, José María Marín, esixise unha xuntanza inmediata co voceiro do PP no Senado e o presidente do Senado, ante o que considerou unha interferencia política inaceptable sobre o traballo do seu organismo (de feito, a Lei que regula o funcionamento da CNMC recolle expresamente que os membros da Comisión están obrigados a “non aceptar instrucións de ningunha entidade pública ou privada”).
Dado que as actuacións da CNMC van na liña marcada polas autoridades comunitarias non parecía razoable esperar que a proposta popular fose prosperar, de xeito que é de agardar que a Comisión poida forzar finalmente a Telefónica a ceder á competencia a prezo regulado o servizo de fibra óptica que está a despregar por todo o territorio estatal.
A proposta da CNMC seguirá varias semanas en consulta pública, tras o que é de agardar que entre en vigor, xa que os actos de aparente chantaxe de Telefónica non parece que vaian prosperar.
O PP suspende a moción para que Telefónica non teña que compartir a súa rede de fibra óptica
Compartir Este Artigo
