WeKCo, o espazo coruñés de coworking e innovación empresarial, está a organizar unha serie de xornadas de divulgación sobre metodoloxías para pór en marcha unha nova (en todo o senso do termo “nova”) iniciativa de mercado. As xornadas, enmarcadas na iniciativa WeKCo Labs e impartidas por Simón Caramés (www.blindaxe.com) e Juan Diego Pereiro (www.wekab.com), céntranse en espertar vocacións emprendedoras entre a mocidade galega. Sen ir máis lonxe, na mañá deste mércores 11 celebrouse un evento destas características no IES Porta da Auga de Ribadeo. A cita, que abriu o ciclo relatorios, desenvolveuse baixo o seguinte epígrafe: Actitude e perseveranza, as claves para levar a cabo os teus soños. Ao seu abeiro, alumnos e empresarios deron forma a proxectos innovadoras mediante a fórmula Lean Startup.
A iniciativa foi desenvolvida en colaboración coas áreas de Orientación Laboral e Emprendemento do IES de Ribadeo. A través das súas experiencias empresariais, Simón e Juan Diego transmitiron aos alumnos de Formación Profesional do dito centro a importancia “da actitude e a perseveranza” como elementos crave para levar a cabo os seus soños e proxectos.
Como dixemos, esta é a primeira dunha serie de tres xornadas que continuarán en marzo e abril con obradoiros prácticos e nos cales os alumnos participantes desenvolverán un proxecto emprendedor empregando a dita metodoloxía, unha fórmula acuñada por Eric Ries en 2008 e que, basicamente, aborda o lanzamento de negocios e produtos baseándose na aprendizaxe validada, na experimentación científica e na iteración nos lanzamentos do produto co obxectivo de acurtar os ciclos de desenvolvemento, medir o progreso e gañar “valiosa retroalimentación dos clientes”, ou sexa feedback. “Desta maneira”, informaron Simón e Juan Diego, “as compañías poden deseñar os seus produtos ou servizos para cubrir a demanda da súa base de clientes, sen necesidade de grandes cantidades de orzamento inicial ou grandes gastos para lanzar un produto”.
WeKCo arranca en Ribadeo unha xira para levar á mocidade a fórmula do emprendemento Lean Startup
Compartir Este Artigo
