Telefónica entregou este xoves os galardóns da terceira edición dos Patent Awards, uns recoñecementos dirixidos a destacar o labor dos responsables dos proxectos máis innovadores con patentes incluídas no último ano. No acto, que contou coa presenza de Patricia García-Escudero, directora da Oficina Española de Patentes e Marcas, fíxose entrega de catro galardóns a iniciativas e enxeñeiros “que coas súas patentes achegaron máis valor a Telefónica e contribuíron a desenvolver produtos únicos no mundo”, sinalou a operadora, que ao fío do certame e da resolución lembra que en 2013 foi a entidade estatal “con máis solicitudes de patentes europeas e a segunda organización, despois do CSIC, en número de peticións que seguen o sistema internacional de patentes PC”.
Ademais do recoñecemento individual a cada un dos inventores, este ano decidiuse recoñecer de forma especial aos seguintes proxectos: Virtualización de Rede (liderado por Francisco Javier Ramón, trátase dun desenvolvemento para simplificar o equipamento instalado en casa de cliente), Tubo (iniciativa liderada por Jorge Serna e David Artuñedo, encamiñada a permitir usar un número móbil en calquera dispositivo conectado e podendo facer e recibir chamadas mesmo sen dispor de cobertura), Latch (de Antonio Guzman, de 11Paths, diríxese a achegar control para apagarmos os nosos servizos en liña cando non esteamos conectados a eles, reducindo así o tempo de exposición a ciberatacantes) e Awazza (un proxecto de Xiaoyuan Yang, consiste nun acelerador de descarga de contidos de Internet, que pode chegar a incrementar a capacidade do 3G entre un 40% e un 90%).
Telefónica premia nos Patent Awards diferentes xeitos de rendibilizar a Rede
Compartir Este Artigo
