O Departamento de Xustiza dos EE.UU. está a anunciar por todo o alto que conseguiu a primeira condena de cadea a un dos responsables do caso de Megaupload, de xeito que o programador estoniano Andrus Nõmm, de 36 anos de idade, terá que enfrontarse a un ano e un día de cadea por infracción de copyright, o que a axudante do fiscal xeral Leslie R. Caldwell asegura que “é un paso significativo na meirande causa criminal de copyright na historia dos EE.UU.”, o que parecen unhas declaracións un tanto esaxeradas, pois dá a impresión de que non se trata dunha clara vitoria xudicial, senón da claudicación do acusado a loitar durante moitos anos, o que impediríalle seguir coa súa vida.
Nõmm fora arrestado nos Países Baixos en xaneiro de 2012, onde finalmente rexeitou oporse á súa extradición, para recoñecer o seu papel na conspiración de Megaupload e aceptar a súa responsabilidade, conseguindo así unha recomendación de sentenza de un ano e un día nunha cadea federal. De feito, resulta bastante rechamante que as autoridades fosen contra estre profesional, que simplemente recoñeceu traballar como programador de Megaupload (xunto a moitos outros) dende 2007, consciente de que os servidores a súa compañía contiñan material que violaba o copyright e incluso recoñecendo que chegou a descargar algúns ficheiros.
O propio Kim Dotcom fala da sentenza asegurando que Nõmm é “un programador inocente”, mentres que outros lembran que non queda nada claro que o condenado recoñecese ter cometido delito algún, pois só recoñece traballar para un servizo que outros empregaron para vulnerar o copyright (o que podería aplicarse nas causas civís abertas contra Megaupload, pero non encaixarían de ningún xeito nunha causa criminal).
O avogado de Megaupload, Ira Rothken, asegura que as autoridades norteamericanas abusaron de Nõmm, por ser un cidadán estoniano vivindo nun país estranxeiro e que non tiña cartos suficientes como para poder pagar a súa defensa xudicial. Rothken pensa que o feito de que o Departamento de Xustiza dea tanta publicidade a unha sentenza pouco relevante podería indicar que a causa contra Megaupload é moi feble.
Sentenzan a un ano de cadea a un programador de Megaupload
Compartir Este Artigo
