A RedEmprendia, iniciativa coordinada pola Universidade de Santiago e con sede no Campus Vida compostelán, impulsou o programa Desafío Millennials, un conxunto de retos no que traballan xa preto de cen estudantes de sete países, organizados en 25 equipos de múltiples disciplinas. Os estudantes seleccionados seguirán ao longo dos meses vindeiros un pan de traballo e adicarán os seus esforzos a catro desafíos baseados en casos reais, e propostos polos titores de cada empresa participante: a galega Plexus, Sonae e Banco Santander.
Cada equipo contará co apoio e asesoramento da empresa para dar forma a unha proposta. As catro solucións consideradas mellores -unha por desafío- recibirán cada unha un premio en metálico de 3.000 euros.
Segundo informa a organización de Desafío Millenials, o programa espertou o interese de estudantes de Arxentina, Brasil, Colombia, Ecuador, España, México e Portugal.
Os participantes contarán co apoio de titores especializados para desenvolver novas aplicacións e servizos para estudantes, definir as bases da banca en liña para a xeración Millennials ou planificar a expansión de marca no mercado latinoamericano.
Plexus, compañía galega do sector TIC e especializada na prestación de servizos en telecomunicacións, expuxo o seu desafío para “coñecer de primeira man a demanda dos estudantes e tentar facer realidade o proxecto proposto que sexa mellor valorado”, contribuíndo a xerar oportunidades e emprego e a desenvolver tecnoloxías que melloren a calidade de vida das persoas. Segundo engaden os responsables da empresa, “o talento e a capacidade para innovar e investigar no ámbito tecnolóxico da xeración Millennials son enormes”, polo que é máis necesario que nunca tender pontes entre empresas e universidades co obxectivo de “construír un sistema produtivo sólido baseado no coñecemento”.
Lembrar que RedEmprendia é unha rede universitaria iberoamericana que busca promover a transferencia de coñecemento, o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e o emprendemento responsable. Está formada na actualidade por 24 universidades líderes iberoamericanas de 7 países (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México e Portugal), Universia, rede universitaria formada por 1.345 universidades de fala hispana e portuguesa, e Banco Santander, por medio de Santander Universidades.
25 equipos de sete países traballan arreo xa nos retos de Desafíos Millennials
Compartir Este Artigo
