O Portal da Transparencia do Goberno xurdiu con moita forza, pero semella que boa parte das enerxías ficaron no camiño. Como lembraremos, durante o seu primeiro mes de vida, foi obxecto de 629 preguntas ou solicitudes de información dos internautas e, a maiores, de 1.720.135 visitas. Estas cifras acadáronse entre o 10 de decembro e o 8 de xaneiro. Ao comezo do período chegouse a unha media diaria de 50 peticións de datos (sobre todo cousas relacionadas con Facenda, Presidencia e a Casa Real), baixando a taxa, co paso dos días, a unha media de 20. Cal é a situación a día de hoxe? Pois ao parecer a caída de interese por parte dos internautas agudizouse, e semella que tampouco se fixo gran cousa por evitalo.
Así, logo de dous meses e medio en activo, a páxina que acubilla os datos económicos e institucionais da Administración acadou en febreiro 187.000 páxinas fronte ao millón que recibiu nas 48 primeiras horas do seu funcionamento.
Malia que a caída de interese parece inherente a calquera fonte de información (pública ou privada) que se poña en marcha, e máis se temos en conta no caso do Portal de Transparencia houbo unha festividade potente de por medio (as festas do Nadal, que fixeron que os internautas se centrasen noutras actividades e que obrigaron ao Goberno a adiar investimentos en publicidade relativa á plataforma debido ao custoso que resulta nesas datas), o que semella unha realidade é que a iniciativa require dun impulso que lle faga recobrar azos e acadar rendibilidade. Segundo se lembra dende Eldiario.es, o Ministerio de Presidencia (responsable do portal) aínda non adxudicou a ningún planificador de medios a difusión da campaña de promoción da web. O xornal en liña tamén culpabiliza á falta de información pública sobre o Portal de Transparencia o descenso de visitas.
Segundo fontes do Goberno, o total de visitas (usuarios únicos) ata o de agora é de 349.000. Como lembraremos, o portal comezou a funcionar o pasado 10 de decembro con máis de 530.000 rexistros accesibles de datos sobre a Administración Xeral do Estado, dos que 30.000 figuran pendurados directamente e o resto son ligazóns a páxinas doutros organismos.
O Portal da Transparencia do Goberno estáncase
Compartir Este Artigo
