O Goberno central emitiu esta semana un comunicado no que lembra aos cidadáns que o último día deste mes de marzo remata a liberación do Dividendo Dixital (o despexe da banda dos 800 Mhz para permitir o despregamento da tecnoloxía 4G por parte dos operadores de telefonía móbil). O Executivo tamén advirte que a conclusión deste proceso suporá que as canles de TV só emitirán polas frecuencias definitivas. Para poder gozas delas, os edificios de tamaño mediano ou grande (que empreguen antenas colectivas con centrais programables ou amplificadores monocanle) deben realizar canto antes a adaptación das súas antenas, antes do 31 de marzo, para “non sufrir a perda dalgunha cadea, que recuperarán cando a súa antena colectiva estea adaptada”.
O Ministerio de Industria tamén lembra que estas comunidades, das que unha parte poden corresponder a comunidades sen administrador de leiras, ou aquelas nas que os veciños son persoas de idade avanzada, teñen que contratar canto antes a adaptación das súas antenas colectivas, para asegurarse de que a mesma se poida realizar a tempo.
Polo que atinxe á cifra de axudas solicitadas, rexistráronse xa 204.592, o que segundo o Goberno “supón unha cifra superior aos 60 millóns de euros”. O Goberno tamén recorda que as comunidades poden continuar solicitando as subvencións ata o vindeiro 30 de xuño.
O Goberno lembra que o 31 de marzo remata a liberación do Dividendo
Compartir Este Artigo
