Este luns 9 de marzo ás 11.00 da mañá os responsables da aplicación Ganga levarán a cabo unha actividade para achegar un extra de boa saúde ao comercio TIC de Compostela, e de paso beneficiando aos clientes/usuarios. Ganga, como lembraremos, é unha ferramenta dirixida a levar as mellores ofertas aos móbiles dos usuarios en función do seu emprazamento e dos seus gustos e tendencias. Co gallo da posta en marcha da ferramenta, un dos obxectivos da mesma era o de fomentar e impulsar o comercio local. Disto trata a quedada do luns: de acceder a oportunidades únicas dos establecementos composteláns por medio de Ganga.
Así, quen teña descargada a aplicación móbil (que é de balde) poderá ter acceso a artigos que doutro xeito non vería, ou a un prezo diferente. A cita deste luns ás 11.00 horas será na rúa Ramón Cabanillas e o reclamo, teléfonos intelixentes libres a 19,90 euros. Dito doutra maneira: quen teña no seu dispositivo a devandita aplicación poderá saber cal é o establecemento que venderá os devanditos trebellos libres coas seguintes características: tarxeta dual SIM, sistema Android 4.4 e cámara de 8 megapíxeles. A actividade desenvolverase entre as 11 e as 12 do mediodía e rematará cando se rematen as existencias. Dende Ganga Commerce aseguran que “esta é unha só das múltiples gangas que poderán atopar nesta nova aplicación que pretende revolucionar a maneira na que o comercio local se relaciona cos seus clientes”.
Ganga, como lembraremos, é unha plataforma de comercio electrónico baseada no concepto 3.0, onde comerciantes (oferentes) e consumidores (clientes) xeran e reciben a información no seu propio móbil intelixente ou tableta cunha aplicación. Un dos seus principais puntos fortes é a súa capacidade para estar en todas partes e quebrar límites espaciais. Así, sinalan, “está presente sempre no dispositivo que nos acompaña onde queira que vaiamos”. Ganga, a maiores, permite o control absoluto e constante das ofertas, servizos, produtos e choios parte do comerciante, así como a súa canle de comunicación co cliente final.
Ganga achega a posibilidade de adquirir smartphones libres por 19,90 € este luns ás 11 en Santiago
Compartir Este Artigo
