A axencia AMTEGA anunciou este venres a aprobación do seu Plan de Acción 2015, un plan que determina un total de 41 programas operativos, dotados con 86 millóns de euros e encamiñados, segundo informa o departamento que dirixe Mar Pereira, “a consolidar unha administración intelixente e eficiente, avanzar cara unha cidadanía dixital, integrar as TIC nos sectores económicos chave de Galicia, impulsar o sector TIC e estender redes ultrarrápidas na Comunidade”.
O plan, que foi aprobado no Consello Reitor da Axencia, abeira o impulso definitivo da nova Axenda Dixital de Galicia, a estratexia tecnolóxica da Comunidade para o horizonte 2020. Mar Pereira, na celebración do consello, salientou que as medidas desenvolvidas no marco da primeira Axenda Dixital, 2014.gal, permitirán a Galicia afrontar o retos marcados por Europa para os vindeiros cinco anos.
Asemade e nun plano máis concreto, engadiu que en 2015 aprobarase o segundo Plan de Administración e Goberno electrónico (que permitirá “afianzar os avances acadados nos últimos catro anos no eido da eAdministación e afrontar novos retos”, dixo), entrará en funcionamento o Arquivo Dixital Integrado da Xunta, incrementaranse ata a cifra de 900 os trámites en liña dispoñibles na sede electrónica da Xunta, ampliaranse os servizos do nodo de interoperabilidade, acadarase a cifra de 15.000 empregados públicos con sinatura dixital, e porase en marcha o sistema Chave 366, “que permitirá a tramitación online a través de contrasinais seguros e sen necesidade de certificados dixitais”, explicou a directora de AMTEGA, que tamén lembrou que se vai aprobar, no ámbito da xustiza, o novo Plan Senda 2020, amais de activarse a sede electrónica xudicial.
AMTEGA aproba o Plan de Acción 2015
Compartir Este Artigo
