
A cita está encamiñada a profesionais do sector turístico, sobre todo os do sector hoteleiro. A demostración correrá a cargo de Antón Macías de Miguel, enxeñeiro en Informática de Sistemas cunha longa experiencia como programador tanto no sector público coma no privado.
Para participar nesta actividade só é preciso inscribirse na web do CDTIC, centro xestionado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA),. A asistencia é de balde.
Xeshostal é unha aplicación libre que permite a xestión en liña de establecementos hoteleiros. “Trátase”, explican os seus responsables, “dunha ferramenta pioneira para mellorar a xestión dos pequenos aloxamentos turísticos e para compartir datos”.
A aplicación foi liberada no Repositorio de Software Libre de Galicia en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Xeshostal está dispoñible para probas no CDTIC Virtual, un servizo que ofrece ás empresas e persoas usuarias a posibilidade de analizar e probar solucións empresarias libres que están aloxadas na nube. Deste xeito, os nosos profesionais poden coñecer e avaliar a utilidade e adecuación ás súas necesidades de solucións tecnolóxicas accesibles para o seu sector. Para empregar o servizo só é preciso solicitalo na web do centro e tras verificar a súa petición habilitaráselle un período de proba.
Segundo explica AMTEGA, “as vantaxes desde servizo para a empresa son que proporciona unha infraestrutura para probar un servizo sen necesidade de que a empresa dispoña da mesma; así como permitir aforrar tempo dun administrador de sistemas e recursos informáticos”.
Este servizo iniciouse coa aplicación Owncloud, unha solución libre que permite dispoñer dun servizo de almacenamento e intercambio seguros de ficheiros na nube (cloud computing) destinada principalmente a Pequenas e Medianas Empresas (PEME) e profesionais autónomos. Trátase dunha alternativa libre a outras solucións privativas presentes no mercado, que desde a súa posta a disposición no CDTIC virtual a principios de setembro, foi solicitado por cerca de 20 empresas.
Lembrar por último que o CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
O Centro Demostrador TIC acolle o día 11 unha xornada sobre Xeshostal
Compartir Este Artigo
