Galicia Open Future, centro de empredemento TIC de Telefónica en Santiago, organiza este luns pola tarde unha rolda de contactos entre os responsables das iniciativas aceleradas no centro e unha serie de investidores potenciais. O encontro, tamén organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia (a través da súa rede de investidores privados, Redinvest), comezará arredor das 16.00 horas na sede que a aceleradora ten na Cidade da Cultura. A xornada, sinalan os responsables de Galicia Open Future, vai dirixida a “amosar aos emprendedores integrados os mecanismos para superar con éxito unha rolda de investimento”.
O encontro contará coa presenza “dun nutrido grupo de business angels de toda Galicia”, explican os responsables da convocatoria, que tamén lembran que no devandito grupo atoparanse profesionais como Daniel Fernández Alvariño, que abrirá a sesión coa charla É momento de investir en Startups, centrada en despexar as dúbidas sobre a conveniencia de investir en compañías tecnolóxicas emerxentes na actual conxuntura económica.
Tralo relatorio de apertura, catro das startups que arestora están a coller pulo en Galicia Open Future (Ephytech, Appentra, Situm e Stukers) debullarán os seus proxectos ante os investidores, “simulando así unha rolda de financiamento real que lles permitirá experimentar a que se van a enfrontar unha vez superen a fase de maduración”, explican dende Telefónica.
A sesión rematará cunha mesa redonda, que estará moderada por Lalo García, coordinador de Redinvest e cofundador de LanceTalent, e na que José Luís Gainzarain, tamén coordinador de Redinvest e socio de Gainza Invest; Daniel Fernández Alvariño; e Frankie Gómez, fundador do Lacon Network e socio fundador de Confirmsign.com, debaterán sobre Como abordar unha rolda de financiamento?.
Os emprendedores de Galicia Open Future poñen a proba a súa capacidade de convencer a investidores
Compartir Este Artigo
