Gradiant participa esta semana na quinta edición do salón HomSec, que se desenvolve no recinto feiral de IFEMA en Madrid entre mañá martes e o xoves 12 de marzo. Segundo informa o centro tecnolóxico galego, HomSec é o principal evento do calendario estatal e materia de tecnoloxías dirixidas á defensa e ao ámbito da seguridade. Ou sexa, que estamos ante unha moi boa oportunidade para coñecer os novos achados innovadores para os eidos da protección de persoas, fogares, empresas ou contornas web, contándose cun bo número posibles clientes ou colaboradores procedentes non só de España senón tamén das outras beiras do Atlántico e do Mediterráneo.
Gradiant amosará no salón un sistema para realizar procuras en bases de datos cifradas (un sistema que en palabras de Gradiant “podería resolver a necesidade de detectar posibles terroristas en bases de datos de voos comerciais sen comprometer o dereito á privacidade do resto dos pasaxeiros”) e tecnoloxía de seu para a análise de vídeo en contornas complexas e dinámicas. Tamén debullará as implicacións e vantaxes das súas solucións de recoñecemento biométrico para dispositivos móbiles e máis a potencialidade de Shadow, a aposta de Gradiant por permitir as mellores condicións para o seguimento, identificación e control de documentos impresos ou dixitais.
Gradiant amosa en HomSec as súas tecnoloxías a prol da seguridade
Compartir Este Artigo
