La Caixa e o e ENISA veñen de convocar a nova edición (a novena) dos Premios EmprendedorXXI, que están dotados con máis de 400.000 euros e que, como novidade, incorporan este ano unha categoría para salientar o labor de startups innovadoras dentro do eido agroalimentario. Ademais, con esta nova convocatoria, reforzaranse para os gañadores as canles de formación e de traballo nos principais centros de operacións TIC do mundo, como Silicon Valley, Tel Aviv ou Cambridge. Unha vez máis, haberá edición galega dos premios, que virá da man de La Caixa e do IGAPE. Como lembraremos, o ano pasado impúxose no certame unha máis que prometedora firma galega, Torus.
Os galardóns, coma nas entregas previas, terán o obxectivo de identificar, recoñecer e acompañar ás empresas innovadoras de recente creación con maior potencial de medre no ámbito estatal.
Os emprendedores que desexen presentar as súas iniciativas teñen de prazo ata o 10 de abril para enviar a súa candidatura, exclusivamente de forma online, na páxina web dos galardóns.
Na presentación dos premios, celebrada onte, fíxose saber que ao longo do oito edicións celebradas a iniciativa recibiu máis de 3.900 candidaturas e premiou a máis de 195 empresas. Respecto da edición anterior, participaron 24 empresas, resultando gañadora a galega Torus (primeiro do recoñecemento galego e logo do estatal), empresa que desenvolve e comercializa un novo protocolo de comunicacións, alternativo ao IP actual, que posibilita acelerar aplicacións avanzadas baseadas en alta frecuencia ou en envío de datos masivos.
Por modalidades, a categoría Emprendes premiará candidatos “cun plan de negocio convincente, que xa demostrasen o seu compromiso e capacidade ao conseguir fitos relevantes nas primeiras etapas da súa empresa”, fíxose saber na presentación. Conta con dúas fases: autonómica e estatal. Os gañadores autonómicos dánse a coñecer entre os meses de maio e xuño. As empresas seleccionadas na fase autonómica compiten polo galardón estatal, que se dará a coñecer en outubro, na gala final dos Premios EmprendedorXXI.
A categoría Creces é a modalidade para empresas con traxectoria menor aos 7 anos (10 anos para empresas do ámbito das Ciencias da Vida). O premio establece unha única fase, de ámbito estatal pero con especialización sectorial, con catro grandes ámbitos: Ciencias da Vida, TIME (Telecommunications, Internet, Media and Entertainment), Industrial e Sustentabilidade e Agroalimentario.
O gañadores de Emprendes obterán premios en metálico: 5.000 euros para cada un dos premiados na categoría autonómica e 20.000 euros para quen sexa elixido como a empresa de recente creación máis innovadora de toda España na fase estatal de outubro.
No caso de Creces, de todas as candidaturas recibidas, farase unha escolma de 32 finalistas, quen obterán a posibilidade de asistir ao curso intensivo sobre desenvolvemento empresarial Executive Growth Program, impartido por ESADE e IESE. De entre estas 32 candidaturas, 12 serán finalistas e gozarán dunha bolsa dun ano no programa de acompañamento para startups, deseñado por Caixa Capital Risc. Así mesmo, optarán aos premios económicos de maior dotación, con 50.000 euros para os gañadores en cada un do catro ámbitos sectoriais. As empresas de Creces só compiten en fase estatal. Todos os finalistas das categorías poden optar ao accésit outorgado pola Fundació La Caixa para premiar á empresa con maior impacto social, dotado con 25.000 euros.
A nova edición dos Premios EmprendedorXXI mobiliza 400.000 euros en galardóns
Compartir Este Artigo
