
Amais de AIMEN e Gradiant, concorren nos traballos compañías de seis países europeos, xuntando forzas ao abeiro do devandito consorcio SEERS (SEERS = Snapshot Spectral Imager for Cost Effective IR Surveillance). As principais vantaxes de este sistema respecto dos actuais, sinalan os centros galegos, son o seu prezo (que pode chegar a ser ata cinco veces menor grazas á combinación de diferentes sensores), así como o incremento tecnolóxico que introduce, xa que poderá facer mostras de todo o rango infravermello valéndose dun único dispositivo.
A tecnoloxía, como dixemos, porase en práctica en dispositivos de vixilancia costeira e seguimento do tráfico en túneles. No primeiro caso, o obxectivo é facilitar as tarefas de control da seguridade en portos e a detección de verteduras, así como contrabando e tráfico de persoas, entre outros; mentres que no segundo medirase a calidade do aire e ofreceranse datos sobre o estado do túnel, “sendo de utilidade para orientar tarefas de rescate en caso de accidente”, sinala AIMEN, que tamén nos recorda que os recursos de visión infravermella téñense empregado decote no ámbito militar, trasladándose logo os achados xerados neste ámbito a outros ámbitos como a videovixilancia e a seguridade no eido civil (co obxectivo de optimizar tarefas).
Para levar a cabo este proxecto, o consorcio SEERS empregará sensores baseados en compoñentes de baixo custe, que incluirán diferentes rangos de infravermellos: próximo (NIR), de onda curta (SWIR), de onda media (MWIR) e de onda longa (LWIR). Para poder cubrir este espectro, explica AIMEN, “construirase unha óptica compacta e desenvolverase un método de procesado que permita a combinación destas imaxes, así como un sistema de análise de vídeo capaz de explotar a información multiespectral capturada”. O sistema resultante poderá instalarse en plataformas estáticas ou en drons, “e permitirá manter a visibilidade en condicións de néboa e fumes, así como detectar fugas de gases e verteduras; e medir a temperatura provocada por incendios ou explosións, ofrecendo datos relevantes para coordinar, dun modo máis efectivo, labores de salvamento”.
AIMEN, líder da iniciativa, contribuirá co coñecemento e experiencia no eido da visión embebida, o procesado de imaxe en tempo real e o tratamento de imaxes espectrais. “A nosa principal achega ao proxecto”, engaden fontes do centro tecnolóxico, “será o deseño do sistema embebido de reconstrución e procesado de imaxe e un sistema de iluminación activa; ademais participaremos activamente no desenvolvemento dun novo módulo sensor para o rango do infravermello de onda media e curta, baseado nunha aproximación de multiapertura óptica”.
Gradiant, pola súa parte, porá en xogo a súa experiencia en análise de vídeo aplicada aos sectores da seguridade e as Cidades Intelixentes. Segundo se informa, “o principal reto que terán que resolver os seus enxeñeiros e enxeñeiras neste proxecto será o desenvolvemento de software de análise de vídeo intelixente que aproveite a información de todo o espectro infravermello, o que suporá unha solución única no mercado da videovixilancia a nivel mundial”.
AIMEN e Gradiant achegan un sistema de visión para videovixilancia máis eficaz e de menor custe
Compartir Este Artigo
