As asociacións da provincia de Lugo teñen ao seu alcance, dende xa, un acubillo en liña no que xuntar forzas, recadar información, expoñer actividades e poñerse en contacto coa cidadanía e con posibles novos integrantes de cada unha delas. Falamos do portal web AsociaLugo, que vén de pór en marcha a Deputación e que foi presentado onte pola vicepresidenta segunda Lara Méndez, nun acto que contou coa presenza dun cento de asociacións de todos os recantos da provincia. Segundo fixo saber a vicepresidenta na xuntanza celebrada no Pazo de San Marcos, estamos ante un recurso útil, de balde e con grandes vantaxes prácticas para o tecido asociativo.
De feito, sinalou, “será un punto de encontro para que as asociacións se dean a coñecer, establezan contacto entre elas e saquen proveito das súas experiencias”. Esta iniciativa está cofinanciada ao 80% por fondos europeos FEDER, a través do programa InnovaTE-2: Deputación Dixital. Lara Méndez tamén lembrou no acto de presentación que un dos indicativos máis claros de que era preciso un recurso en liña coma esta foi o acontecido recentemente cos orzamentos participativos da Deputación, “unha máis que positiva experiencia”. Segundo explicou, moitos dos máis de 55.000 lucenses que botaron unha man nos orzamentos fixérono representando a máis de 300 asociacións, “o que deixou patente o que xa se sabía, e é que Lugo conta cun tecido asociativo moi implicado co desenvolvemento da provincia”.
Méndez, que estivo acompañada no acto polo director de Fondos Europeos da Deputación, Pablo Rivera, engadiu que o portal está integramente ao servizo dos colectivos, que poderán servirse da web como taboleiro de actividades e, tamén, como método para coñecer a actividade das demais organizacións. Tamén será posible o intercambio de datos, a obtención de información puntal sobre calquera convocatoria de axudas ou subvencións (e sen que sexa preciso perder tempo e esforzos en visitar e revistar boletíns).
Segundo informa a Deputación, trala presentación do portal, pola tarde, desenvolveuse o primeiro dos tres obradoiros prácticos programados para (entre outras cousas máis xenéricas e ligadas ao uso das ferramentas e comunidades 2.0) dar conta do funcionamento, do manexo e do alcance da web AsociaLugo, obradoiros que estarán a cargo de profesionais “de ampla experiencia no ámbito dixital”, que solucionarán as dúbidas dos participantes e ampliarán os seus coñecementos acerca dos beneficios de estaren as asociacións nas redes sociais. Estes obradoiros, de balde e de asistencia libre, desenvolveranse estes días no salón de actos do Pazo de San Marcos, entre as 17:00 e as 20:00 horas. Os asistentes recibirán, ademais, diplomas acreditativos.
No celebrado este mércores, informa a Deputación, “os asistentes puideron aprender acerca da web social ou da importancia dunha boa estratexia de comunicación en liña para as asociacións”. O seguinte dos obradoiros centrarase na análise das distintas redes sociais (Twitter, Facebook; Google+; Pinterest; Instagram, etc.) e os blogs corporativos. Finalmente o terceiro dos eventos prácticos abordará os segredos dos posicionamento na rede e a reputación en liña.
As asociacións interesadas en entrar a formar parte do primeiro portal dixital só teñen que inscribirse a través da web da Deputación.
A Deputación presenta un portal para o tecido asociativo da provincia: AsociaLugo
Compartir Este Artigo
