Que estamos fartos de ocuparnos nós mesmos de facer de cociñeiros en xantares e ceas coa parella, amigos, compañeiros de traballo ou familiares? Pois a Rede axuda a buscar alternativas. En boa medida, crea comunidades e permite establecer colaboracións. Disto trata Bendita Cociña, unha web posta en marcha por mans galegas que se presenta estes días como “a primeira plataforma de chefs a domicilio de Galicia”. Dito noutras palabras: do que se trata é permitirnos elixir o chef e o menú, o cociñeiro que vai á nosa casa, que usa a nosa cociña, que nos serve os pratos e que mesmo frega a louza cando remate a velada. O proxecto, que está a sumar chefs a domicilio de boa parte da xeografía estatal, comeza a estar operativo en diferentes comunidades autónomas. O lema da iniciativa: “Sentar á mesa e punto”.
A idea xorde da axencia de comunicación galega Elemental Chefs, con ampla experiencia no ámbito da mercadotecnia gastronómica. Segundo nos conta un dos responsables da iniciativa, Isaac González, Bendita Cociña consegue “que un cociñeiro profesional nos faga vivir unha experiencia gastronómica única, dentro da nosa propia casa e con todas as facilidades para que non teñamos que erguernos da mesa”.
A plataforma, que vén de comezar a súa andaina, conta xa nas súas fileiras con prestixiosos chefs galegos como por exemplo Iván Méndez, Marco Varela ou Alba Filgueiras. Segundo informan os creadores do servizo, xa hai outros cociñeiros repartidos por toda a xeografía española uníndose ao proxecto: “Xente de Madrid, Cataluña, Euskadi, Andalucía, Valencia, Canarias ou Baleares comezou xa a contratar os seus servizos para organizar unha cea ou xantar no salón da súa casa”.
Dende Elemental Chefs, explican que “os nosos cociñeiros son profesionais que se adaptan a todo tipo de situacións, mesmo nos din que empresas de alimentación contrataron xa os seus servizos para dar a coñecer os seus produtos a través deste orixinal proxecto”. Isto, engaden, é o que se coñece como win win: a empresa dá a probar os seus produtos a clientes contratando un chef a domicilio para que cociñe con eles.
En marcha dende Galicia unha innovadora plataforma de chefs a domicilio, Bendita Cociña
Compartir Este Artigo
