O polémico servizo Uber continúa a enfrontarse a problemas coas autoridades de distintos países, e as oficinas francesas da compañía víronse sometidas a un rexistro por parte de 25 axentes durante 6 horas o pasado luns, incautáronse correos electrónicos, documentos e smartphones empregados por condutores de Uber. Esta operación realizouse despois de que un cambio lexislativo que entrou en vigor o pasado 1 de abril e que faría que o servizo UberPop fose ilegal por esixirse coa nova normativa que os choferes conten con licenza e seguro para exercer tal actividade, aínda que dende Uber insisten en que si cumpren coa lei, e xa presentaron recurso antes as autoridades comunitarias.
Dende Uber consideran que as actuacións contra a súa compañía son un “intento de intimidación” por parte das autoridades francesas, considerando tamén que as accións adoptadas foron totalmente desproporcionadas.
Pero este non é o único país no que Uber está a ter problemas, senón que este mesmo mes está a enfrontarse con serios problemas en Corea do Sur, onde o director da compañía e 30 dos seus socios foron acusados por operar un servizo de taxi ilegal no país asiático.
En Corea do Sur o servizo de Uber faise co 20% dos pagamentos dos usuarios do seu servizo de transporte, quedando o 80% restante para os condutores, e baixo estas condicións aseguran que unha compañía de aluguer de vehículos conseguiu facerse con 96 millóns de wons (80.165,88 euros) en só 3 meses segundo a Policía, que tamén destaca que a aplicación de Uber pon en risco a seguridade dos usuarios, xa que traballan con condutores non rexistrados, coches sen asegurar para un servizo de transporte de pasaxeiros e co risco de que os seus números de teléfono e de tarxeta bancaria poderían filtrarse.
Neste momento as autoridades coreanas están a esforzarse para conseguir que o director xeral de Uber, Travis Kalanick, se enfronte nos tribunais surcoreanos ás acusacións contra a súa compañía, pero o directivo rexeita saír dos EE.UU. para someterse a tal proceso.
As autoridades francesas e surcoreanas emprenden medidas contra Uber
Compartir Este Artigo
