A prensa francesa está a dar conta de que Tribunal Superior de París ditaminou o pasado día 19 contra a popular páxina web galega Rojadirecta, esixíndolle a tal espazo web que elimine os contidos e ligazóns que faciliten a visualización de partidos das competicións organizadas pola Liga de Fútbol Profesional (LFP) baixo pena de multa de 5.000 euros diarios por cada ligazón. Tamén ordena a publicación dun comunicado de prensa no sitio web para notificar aos seus usuarios da natureza ilícita das ligazóns mencionadas.
O tribunal tamén fixa en 100.000 euros a cantidade que Rojadirecta debería pagar a LFP en concepto de danos e prexuízos por considerarse responsable da vulneración dos dereitos de retransmisión dos partidos das ligas francesas de primeira e segunda división.
Aínda que Rojadirecta non se encarga das retransmisións dos streams cos contidos audiovisuais, o tribunal parisiense considerou que, ao ter control editorial sobre os seus contidos, son responsables dos mesmos. A empresa detrás de Rojadirecta ten aínda un mes para decidir se apelará a decisión xudicial, xa que aínda non estamos ante unha sentenza firme.
Revés xudicial contra Rojadirecta en Francia
Compartir Este Artigo
