
Logo disto, presentou as conclusións do seu proxecto nunha pirámide holográfica, xerando un modelo 3D proxectado de maneira virtual sobre un display piramidal. Nesta investigación realizada por Trigo Folgueira, baixo a dirección da profesora da EPS María José Iniesto Alba e Miguel Cordero Souto (do Sistema de Información Territorial (SIT) da USC), esta enxeñeira analizou dende unha perspectiva custo-beneficio, e estudou as vantaxes e inconvenientes das técnicas de fotogrametría e escáner láser terrestre dende a captura de datos ata a súa difusión.
Na procura de datos, Trigo Folgueira empregou distintos métodos e resolucións, pasando polo procesado de nubes de puntos e fotografías, ata os produtos resultantes: planos 2D e 3D, seccións, ortofotografías, modelos tridimensionais e mesmo vídeos, que non só serven para documentar o patrimonio cultural tanxible con gran precisión, senón tamén para a súa difusión.
E que é iso da pirámide holográfica? Pois estamos perante un dispositivo que emprega os principios da holografía para a reprodución de obxectos ou animacións tridimensionais ou pseudo-tridimensionais.
Para aqueles que descoñezan en que se basea a holografía, cómpre dicir que é unha técnica especial de fotografía que permite crear imaxes 3D baseadas no emprego da luz, que proxectada desde unha perspectiva axeitada, dan a sensación dun holograma, unha imaxe virtual en tres dimensións que está como flotando no aire. O display piramidal empregado para amosar o modelo 3D da Porta Falsa, consta de catro proxectores que permiten ver a proxección dun vídeo especialmente deseñado e que un sistema de prismas reúne para formar unha única imaxe 3D visible desde calquera punto.
Un modelo 3D fai visible a porta falsa da Muralla de Lugo para unha mellor análise da mesma
Compartir Este Artigo
