Kantar, compañía centrada en seguimento e medición de audiencias e mercados a nivel mundial, vén de achegar os seus datos máis recentes sobre a presenza actual nos nosos móbiles dos diferentes sistemas operativos actualmente dispoñibles. Segundo fai saber no seu informe, en España a cota de mercado segue encabezada por Android, a ferramenta de Google, abranguendo un 87,6% dos usuarios móbiles no período comprendido entre decembro de 2014 e febreiro de 2015. En segundo lugar, a moita distancia aínda que “mellorando vendas grazas ao iPhone 6 e o iPhone 6 Plus”, sitúase o sistema iOS (Apple), cun 8,7% do total. Polo que atinxe a Windows Phone, a súa taxa dun 2,9% do mercado español confirma que non dá despegado, mesmo chegando a caer (nun 2%) con respecto ás cifras do ano anterior.
A nova investigación de Kantar Worldpanel, certifica un medre do 0,6% para Android con respecto ao período previo de estudo, unha porcentaxe que curiosamente choca contra a situación do sistema de Google a nivel europeo, onde a súa presenza sitúase nun 67,6%, perdendo un 2,9%. Polo que atinxe a iOS, malia a baixa porcentaxe acadada en relación coa de Android, o informe de Kantar confirma que houbo crecemento. De feito, as vendas de aparellos con este sistema de Apple incrementáronse ata nun 1,8%, pasando dun 6,9% no período anterior a un 8,7%.
Android segue a reinar no mercado español
Compartir Este Artigo
