Que un libro sobre cuestións tecnolóxicas dixitais se perpetúe no tempo e siga a acadar vixencia ao longo de catro décadas non é como pasalo por alto. Pero isto precisamente é o que conseguiu Sistemas Electrónicos Dixitais, unha obra que foi froito da colaboración entre o Instituto de Electrónica Aplicada (Universidade de Vigo) e a Universidade do País Vasco e que saíu á luz por vez primeira en 1972. Segundo nos contan dende a UVigo, o libro continúa a ser un referente no ensino de electrónica dixital no ámbito das universidades estatais. Sen ir máis lonxe, este 2015 lanzouse a décima edición do manual. O autor é o profesor xubilado Enrique Mandado, membro do Instituto de Electrónica Aplicada da Universidade de Vigo.
Para a reedición e posta ao día, contouse desta volta coa participación (co-autor) de José Luis Martín, da Universidade do País Vasco. O libro, editado por Marcombo, presentarase publicamente o vindeiro 16 de abril no auditorio Bizkaia Aretoa de Bilbao.
A edición 2015 que agora se dá a coñecer abrangue 1.061 páxinas e máis de 1.000 figuras. Segundo lembra a UVigo, trátase do resultado do intenso e completo traballo de ambos docentes para converter o libro “nun sistema de autoaprendizaxe e adaptalo aos cambios que os progresos alcanzados pola microelectrónica no século XX e na primeira década do XXI esixen ao ensino da electrónica dixital”. O Instituto de Electrónica Aplicada ten previsto, en colaboración coa Asociación para o Progreso da Tecnoloxía de Galicia (APROTEGA), organizar unha presentación do libro en Galicia no mes de xuño.
A publicación 2015, sinalan os autores, está orientada a cumprir dous obxectivos. Por unha banda, proporcionar aos enxeñeiros das diferentes áreas das TIC (informática, telecomunicación, electrónica e automática industriais), os coñecementos básicos precisos para traballar en equipos multidisciplinares de deseño de sistemas dixitais. Por outra banda, fornecer aos enxeñeiros electrónicos o alicerce necesario para converterse en deseñadores do sistema físico das contornas dixitais programables. Mandado e Martín recoñecen tamén que detrás deste traballo houbo un imporante esforzo para amosar as iniciativas das empresas emerxentes do sector. Os casos concretos de proxectos que se presentan no libro están desenvolvidos por empresas españolas e iberoamericanas, tres das cales (Marine Instruments, Ictel e Noventia) son galegas.
A obra referencial Sistemas Electrónicos Dixitais chega á súa décima edición
Compartir Este Artigo
