Televés orientou a súa actividade cara ao desenvolvemento de solucións para o que se coñece como fogar dixital, edificios intelixentes e a smart city, así como á busca de elementos que permitan facer máis sustentables as grandes infraestruturas, dende un punto de vista que vai dende o uso enerxético ata o de auga, segundo salientaron esta mañá os responsables da compañía durante a visita á súas instalacións do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, quen puido así coñecer o Centro Tecnolóxico de Televés, que reúne os recursos de I+D+i do grupo.
Ao desenvolvemento tradicional de infraestruturas relacionadas coa televisión, o lecer e as telecomunicacións, agora súmase este “novo concepto de cidades intelixentes”, segundo destacou o director xeral da compañía, Santiago Rey, quen engadiu que tras varios anos de crise que afectou ás contas da firma, Televés atópase “xa en números” que lle “permiten” abordar novos proxectos en materia de I+D+i.
Ao respecto, concretou que a compañía inviste uns 6,5 millóns de euros ao ano (un 7%) a “desenvolvemento en I+D+i de novos produtos e novas tecnoloxías”. Ademais, engadiu, “a partir de aí hai un grande investimento do que é a fábrica automatizada”.
Así as cousas, ás cuestións sobre se Televés considera que xa se superou a mala situación económica, afirmou que en termos da macroeconomía se pode dicir que si pero que para os axentes económicos o relevante é ser “capaces” de competir en mercados “nos que non se está so” e a competencia “sempre é dura”, constatou.
Sobre proxectos concretos, detallou que os relativos ao fogar dixital teñen que ver con resolver temas de saúde e benestar social, de modo que se poida integrar a determinados colectivos nas novas sociedades, dende o punto de vista das tecnoloxías.
O conselleiro de Economía e Industria quixo salientar que “os proxectos de Televés atópanse moi aliñados cos obxectivos claros da industrialización de Galicia”, xa que a compañía contribúe a “facer unha Galicia máis competitiva, máis innovadora e máis exportadora, que nos permite ter unha maior presenza no eido internacional”. Uns parámetros aos que, segundo sinalou, responde a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que busca “facer unha Galicia máis competitiva trasladando ao tecido produtivo unha maior competitividade dos nosos produtos”.
Esta Axenda sentará as bases para a modernización industrial da Comunidade a través do equilibrio dos sectores tradicionais e os de futuro, e a hibridación multisectorial para xerar sinerxías entre sectores; do fomento da cultura da innovación; e impulsando a fábrica intelixente.
Televés inicia a súa saída da crise apostando polo I+D+i
Compartir Este Artigo
