A páxina web de información cultural do Consello da Cultura Galega está a mudar a súa imaxe na Rede, no que supón tanto un cambio de deseño coma de concepto, aproveitando que este ano este popular espazo na Internet chega aos 15 anos manténdose como todo un referente, pois non por nada é o medio en galego nacido en liña máis veterano.
Culturagalega estrea a súa cuarta feitura apostando polo uso do dominio .gal e adaptándose ás novas tendencias tecnolóxicas, ou sexa, empregando como chave a responsividade que facilite que os contidos poidan consumirse comodamente tanto no escritorio como en dispositivos móbiles.
Co cambio de imaxe tamén búscase afrontar unha nova concepción deste espazo como servizo público informativo, que procurará tender “a orientar, a conectar, a crear un espazo informativo galego na Rede, no que fontes de información, produtores e creadores de contidos canda medios e mediadores poidan ser visibilizados de maneira máis estreita”.
O novo deseño tamén quere que cadansúa páxina poida conectar co resto de contidos de Culturagalega, de xeito que todo usuario que chegue a este espazo conte con facilidades para acceder ao resto de contidos da plataforma.
Culturagalega renova o seu deseño apostando pola multi-plataforma
Compartir Este Artigo
