Os presidentes do Clúster TIC e do CPEIG, Antonio Rodríguez del Corral e Fernando Suárez Lorenzo, asinaron esta mañá en Compostela un convenio de colaboración que busca “desenvolver actividades de carácter formativo, divulgador e de estudo e análise en materias das competencias tanto do Clúster TIC coma do CPEIG, todas elas a prol do hipersector TIC galego”.
A colaboración consistirá na realización de cursos, xornadas, seminarios e outras actividades de interese para as empresas socias do Clúster TIC, amais de fomentar iniciativas de promoción e de realización de actividades de estudo e análise entre ambas entidades mediante proxectos de investigación ou da elaboración de informes conxuntos e a edición conxunta dos respectivos libros, publicacións e documentos resultado deses traballos e actividades.
En opinión do presidente do CPEIG, “aínda que o Colexio vén colaborando de xeito intenso co Clúster TIC coma un dos seus socios fundadores e membros dos seus órganos de goberno, a formalización da colaboración entre as dúas entidades visibilizada neste convenio permitirá estudar e mellorar as competencias do capital humano das empresas do sector TIC, onde están moitas das nosas colexiadas e colexiados, e axudar a ditas empresas sociais do Clúster a xerar tecido TIC creando novos produtos e mercados”.
Pola súa banda, o presidente do Clúster indicou que “este novo ámbito de traballo do Clúster co CPEIG que consolida a nosa política de alianzas que favorezan o crecemento das empresas TIC galegas. Os colexios profesionais deben colaborar cos Clusters empresariais para axudar a que cada empresa atope os recursos necesarios para a súa expansión. Con este convenio reforzaremos a busca de solucións ás necesidades detectadas en recursos humanos nas empresas TIC galegas. Ademais, colaboraremos con CPEIG na difusións das mellores prácticas en políticas de desenvolvemento do sector TIC, en formulación de novos proxectos innovadores, en atracción de novos estudantes as nosas especializacións profesionais e en descubrimento do novo talento que axude as nosas empresas a competir no mercado internacional”.
O Clúster TIC e o CPEIG colaborarán en actividades de formación e na elaboración de estudos
Compartir Este Artigo
