Cyanogen Inc., compañía coñecida pola elaboración da popular ROM alternativa para smartphones con Android chamada CyanogenMod, anunciou hoxe o peche dun acordo con Microsoft para integrar e distribuír aplicacións e servizos da compañía de Redmond no seu sistema operativo, facilitando que os seus usuarios poidan facer uso das ferramentas de produtividade, mensaxería, utilidades e servizos na nube de Microsoft, como alternativa aos de Google que tenden a vir instalados de xeito predeterminado en dispositivos con Android.
Kirt McMaster, director xeral de Cyanogen Inc. asegura que actualmente xa hai moita xente a nivel mundial empregando o sistema operativo de Cyanogen e os servizos de Microsoft nos seus dispositivos móbiles, polo que están moi satisfeitos pola “alianza con Microsoft que permitiranos achegar novos xeitos de servizos integrados a usuarios móbiles en mercados de todo o mundo”.
Lembremos que Microsoft xa emprendera unha iniciativa semellante a través de Nokia, lanzando unha familia de smartphones baseados en Android Open Source Project, pero integrando os servizos e aplicacións de Microsoft, só que agora, en vez de limitarse a un pequeno grupo de smartphones abriríase moito máis, facendo que os servizos de Bing, Skype, OneDrive, OneNote, Outlook e Office estean máis presentes en dispositivos móbiles que non queiran estar ancorados aos servizos de Google Play.
Cyanogen incluirá aplicacións e servizos de Microsoft nas súas ROM de Android
Compartir Este Artigo
