As primeiras críticas do Apple Watch, pese a ser bastante duras, coincidían en que era o smartwatch máis avanzado do mercado, pero tal situación pode mudar incluso antes de que o produto chegue ás tendas, xa que Google non deixa de mellorar Android Wear, a agora anuncian algunhas das novidades que están por chegar, e que indican que esta plataforma aínda ten moito que dar de si.
Unha das opcións que permiten a meirande parte de reloxos con Android Wear é a de manter a pantalla sempre acendida para amosar a hora, pero agora isto tamén poderá aplicarse a aplicacións, que poderán estar presentes en pantalla a todo momento (aínda que a pantalla só presentará a información a toda cor cando se mire de xeito activo).
Ao igual que tamén hai modelos que reloxo que poden empregarse de xeito independente ao smartphone para a reprodución musical e para o seguimento de actividades deportivas, agora tamén incorporan soporte para Wi-Fi, o que facilitará a recepción de aviso, o envío de mensaxes e o uso de aplicacións cando o teléfono non estea dentro da cobertura Bluetooth.
Android Wear tamén incluirá melloras na súa interface, como a posibilidade de desprazar novas e avisos con só xirar o pulso, poder empregar aplicacións e enviar mensaxes cunha única pulsación e enviar emoticonas como resposta que poderemos debuxar esquematicamente sobre a pantalla (de xeito que o reloxo recoñeceraas, evitando así que teñamos que movernos entre centos de emitoconas para atopar a que máis se axusta á resposta que queremos mandar).
Todas estas novidades chegarán nas vindeiras semanas aos sete reloxos que actualmente funcionan con Android Wear, comezando polo novo LG Watch Urbane.
Android Wear soportará Wi-Fi e permitirá debuxar emoticonas
Compartir Este Artigo
