A Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña vai acoller este 27 de abril un coloquio sobre a reforma da Lei de Propiedade Intelectual e o seu impacto na Rede. O evento celébrase na Aula de Graos Víctor Gulías, a partir das 12.30 horas, e contará coa presenza de Juan de Dios Ruano (voceiro de Cultura do Grupo Popular, no Congreso dos Deputados de España), Fernando Suárez (presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG), e Luis Castedo (catedrático da Facultade de Informática, UDC). Segundo avanza a FIC, o obxectivo é avaliar dende variadas frontes a reforma da Lei de Propiedade Intelectual (LPI), que entrou en vigor en xaneiro de 2015.
Segundo os organizadores do coloquio, “a modificación desta norma introduciu novidades significativas que afectan ós usuarios da Rede en España, como por exemplo a finalidade de buscar a creación dun instrumento administrativo que restableza a legalidade dun xeito áxil e rápido nos casos dunha violación de dereitos de autor na Rede”. A reforma, como lembraremos (aínda está recente o caso das voces de alarma emitidas dende a asociación galega Chuza!), habilita tamén unha taxa a prol dos autores dos contidos en liña que implica o pago dun canon dende os agregadores de contidos (a coñecida como Taxa Google). Este e outros temas de actualidade serán os eixes temáticos do coloquio.
A FIC acolle este luns un coloquio sobre as implicacións da nova Lei de Propiedade Intelectual
Compartir Este Artigo
