
A primeira das devanditas clases mestras mestras vén da man de Ricardo Tayar, que falará sobre como mellorar a conversión e máis a rendibilidade nunha actividade de ecommerce. Segundo nos conta a organización das xornadas, Ricardo é un dos meirandes expertos españois en optimización de tendas en liña, ademais de fundador da súa propia axencia (Flat 101) e profesor do Master de Analítica (KSchool), do Master MeBA e do Master NTIC (U. Complutense). Por outra banda, salienta como un dos blogueiros máis seguidos do ámbito da mercadotecnia dixital a través da súa bitácora persoal, ricardotayar.com.
Segundo avanzan os organizadores das xornadas, o obradoiro práctico de Tayar será “altamente especializado”, achegando coñecementos perfectamente aplicables sobre como mellorar cousas como a rendibilidade da nosa tenda en liña, co fin de vender máis optimizando recursos e afinando estratexias. A súa duración será dunhas dúas horas e media, e celebrarase o martes 5 de maio a partir das 17.00 horas, cun máximo de 15 prazas e un mínimo de oito. Celebrarase esta actividade na sede de #ASCEGA en Matadoiro 52.
Outra das clases mestras virá da man de Improving Metrics, e xirará arredor da analítica web (que, como, porqué e despois que?). Improving Metrics, sinala a organización, é un equipo de profesionais afincados en Coruña que conta entre os seus clientes con algunhas das máis grandes empresas nacionais e internacionais (de feito, moitos dos seus directivos confían nas métricas que lles ofrece IM para tomar as decisións de negocio axeitadas). Con este obradoiro, que se celebra o 6 de maio a partir das 17 horas e no mesmo escenario que o anterior, os participantes aprenderán a planificar unha estratexia analítica, implementar as ferramentas axeitadas e analizar os datos para tomar decisións que melloren a rendibilidade do seu negocio, on/off line.
Ricardo Tayar e Improving Metrics achegarán clases mestras nas Xornadas Leadership eCommerce da Coruña
Compartir Este Artigo
