
Estes e outros datos foron achegados no marco das XXV Xornadas Hispano-Lusas de Xestión Científica, celebradas no mes de febreiro na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense, onde deron a coñecer esta liña de investigación, que agora debullan con máis detalle, lembrando que o estudo baseouse en parte na pegada dos portais de reservas tomando como referentes o mes de outubro de 2014 e a clasificación publicada por SimilarWeb, compañía que se adica á medición do comportamento e tráfico en liña. O estudo guinda os seguintes datos salientables: que os 50 portais de aloxamentos analizados recibiron ese mes un nivel promedio de visitas próximo aos 12 millóns de persoas. Encabezarían a listaxe de portais Booking.com, Agoda.com, Myincentivetravel.com, Hotels.com e Airbnb.com. Polo que respecta á procedencia dos usuario, o principal país de procedencia durante os tres últimos meses na metade dos portais foi Estados Unidos. Booking.com, que encabeza este ránking, acadou os 182 millóns de visitantes no mes de referencia, o que a sitúa no posto 108 da clasificación global de webs.
Segundo informa o Campus de Ourense, os investigadores comezaron xa a analizar o contido dos doce primeiros portais co obxectivo de ver que variables ou ferramentas propias da distribución ofrecen estas web. Para comezar, salientan que estes intermediarios turísticos facilitan una serie de tarefas que fan que teñan un elevado número de usuarios, cunha ampla base de hoteis, prezos, valoracións, posibilidade de reserva, etc. Favorecendo estas cifras dáse un esforzo por achegar servizos acaidos ás preferencias do consumidor, de aí a existencia de diferentes filtros. Entre as eivas rexistradas, os investigadores destacan a falta de asesoramento, de oferta de servizos complementarios e dun menú para xestión de queixas.
O equipo de investigadores tamén recordan que os turísticos son os produtos que unha maior porcentaxe de españois compran eminentemente de forma online e que unha menor porcentaxe mercan de maneira offline. “Polo tanto”, sinala o profesor José Antonio Fraiz, “todos os participantes no mercado móvense en Internet e a competitividade dos diferentes provedores xa non só depende do produto ou servizo ofertado, senón de entender cales son as expectativas do consumidor online e ofrecer precisamente o que demanda dun modo rápido e eficiente”.
Investigadores do Campus de Ourense confirman o protagonismo total dos intermediarios en liña no sector turístico
Compartir Este Artigo
