Finalmente comezou a súa andaina a campaña 1 Mes, 1 Profesión Dixital, dirixida a mellorar as competencias tecnolóxicas para incrementar as posibilidades de atoparmos emprego e, tamén, para divulgar as novas profesións xurdidas ao abeiro da Sociedade do Coñecemento. A xornada de presentación da iniciativa foi inaugurada pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez. Na primeira das sesións, que leva por título Faite profesional do marketing dixital, participan (ao longo do día de hoxe) arredor de cen de persoas na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Trátase do arranque dun ciclo de seis xornadas sobre novos perfís dixitais, que se desenvolverá ata outubro, e que en palabras dos promotores “ten como obxectivo xeral crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio das Tecnoloxía da Información e a Comunicación, as TIC, cara ao emprego”.
As charlas, engaden o CPEIG e AMTEGA, darán a coñecer novos perfís profesionais como os de deseñador e programador dixitais, o de blogueiro profesional, o de desenvolvedor de aplicacións, o de especialista en contidos ou análise de datos, o de técnico de comercio electrónico ou o de experto en mercadotecnia en liña, entre outros. Ademais, abordaranse os cambios que están a afrontar profesionais doutros sectores (xornalistas, arquitectos…) para adaptarse ao novo contexto dixital.
Toda a información sobre as xornadas se irá incorporando na web profesionsdixitais.org e ao remate da campaña, recompilaranse as experiencias prácticas dos encontros na publicación 1 mes, profesión dixital.
Na presentación da xornada, a directora de AMTEGA, Mar Pereira, salientou que a evolución tecnolóxica xerou a demanda de habilidades e competencias dixitais en todos os sectores” e, respecto ao caso concreto dos profesionais TIC, apuntou que “o mercado require unha especialización cada vez maior á que non se está a dar resposta”. Por iso, destacou “a importancia tanto de fomentar vocacións tecnolóxicas como de ofrecer á cidadanía ferramentas para a capacitación dixital”.
Segundo fixo saber o presidente do CPEIG na súa intervención, o Estudo nacional sobre a situación laboral dos profesionais do sector das tecnoloxías da información, promovido polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Informática pon de manifesto que os profesionais TIC españois están en niveis de pleno emprego, cunha inserción laboral do 94% dos titulados e profesionais enquisados. Para o presidente do CPEIG, estes datos amosan o potencial de emprego que supoñen as profesións TIC en todos os seus niveis de cualificación na liña das previsións da Comisión Europea. Ademais, alertou sobre a “masculinización do sector TIC”, con apenas un 17% de mulleres, porcentaxe que cadra coas cifras de estudantes nas titulacións universitarias tecnolóxicas no noso país e afirmou que a sociedade “non pode permitirse o luxo de perder tanto talento”.
Comeza a campaña do CPEIG e AMTEGA para mellorar a empregabilidade a través das TIC
Compartir Este Artigo
