Durante a celebración do congreso Build Microsoft deu conta dunha chea de pequenas novidades ao redor de Windows 10, como modificacións na tenda de aplicacións, avances no proxecto das HoloLens, a incorporación de engadidos moi interesantes en Office, detalles como o aproveitamento de Cortana para lanzar aplicacións de escritorio, o nome oficial do novo navegador web para Windows (Microsoft Edge) ou as facilidades para trasladar aplicacións móbiles actuais de iOS e Android a Windows, pero se algo resultou realmente interesante foi Continuum, prestación que pasará a integrarse en smartphones.
Até o momento Continuum era a tecnoloxía de Microsoft orientada a detectar cando un equipo convertible tiña conectado un rato e un teclado para conmutar a súa interface entre dous modos de funcionamento (escritorio e táctil) pero agora sabemos que esta experiencia podería trasladarse aos teléfonos, de xeito que cando conectemos un smartphone con Windows 10 a un televisor ou monitor a través de HDMI non só poderemos ver a pantalla do móbil en grande, senón que no caso de aplicacións universais como a de correo electrónico ou as integrantes de Office estas funcionarán como se estivesen nun ordenador de sobremesa, de xeito que Windows 10 aproveitaría as aplicacións universais dun xeito moito máis profundo do que anunciaran inicialmente, aínda que para facer tal precisarán de teléfonos especialmente potentes (que chegarán ao mercado nos vindeiros meses).
Esta nova característica pode resultar de grande utilidade, xa que permitirá que usuarios que leven enriba só o seu teléfono, poidan facer uso de ferramentas de produtividade como se estivesen no seu ordenador habitual con só conectar un teclado, un rato e unha pantalla externa ao seu dispositivo, o algo que poderían facer, por exemplo, en oficinas alleas, en habitacións de hotel ou incluso á hora de realizar presentacións públicas. Unha novidade que claramente será ben recibida e que pode supor un importante pulo para as aplicacións universais de Windows 10.
Vídeo de presentación de Continuum para móbiles
Os móbiles con Windows 10 poderán funcionar como ordenadores de escritorio (con aplicacións universais)
Compartir Este Artigo

