As PEME do sector marítimo coñecerán de primeira man ás innovacións tecnolóxicas máis sobranceiras ao longo dunha xornada que se celebra este mércores 6 de maio de 10 a 15:30 horas no Centro Demostrador TIC (CDTIC) de Galicia. Estamos a falar da primeira das demostracións tecnolóxicas que se desenvolverán no marco do proxecto europeo Stamar, liderado pola Xunta, a través da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), coa participación como socio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e de 7 entidades de referencia no eido da transferencia tecnolóxica, a innovación e a economía marítima de Francia, Reino Unido, Irlanda e Portugal.
Neste primeiro encontro presentarase o catálogo BAT (Best Avaliable Technologies), unha preselección rexional das mellores tecnoloxías, que será posta a disposición das empresas do sector e demais axentes implicados.
E en que consiste o proxecto Stamar? Pois ten como obxectivo contribuír a mellorar a competitividade e a capacidade de innovación das PEME do sector marítimo do Espazo Atlántico, favorecendo os procesos de transferencia tecnolóxica a través da creación dun centro transnacional demostrador das capacidades e tecnoloxías aplicables á industria marítima. Empréstase especial atención a aquelas tecnoloxías que van a prol o desenvolvemento económico e comercial preservando a biodiversidade e facendo máis doado un desenvolvemento sostible co medio ambiente.
E que papel xoga neste proxecto o Centro Demostrador TIC de Galicia (CDTIC)? Este será o modelo de referencia a seguir polo resto das rexións participantes a xeito de escaparate tecnolóxico e referencia no pulo e emprego das TIC nos sectores produtivos mediante a asesoría, a capacitación e a formación tecnolóxica.
Cómpre informar que os interesados en asistir a este evento poden inscribirse no 981 555 291 ou a través do correo electrónico stamar-xornadas@xunta.es pois o aforo será limitado.
Galicia, á cabeza do proxecto Stamar para unha mellora tecnolóxica das PEME pesqueiras
Compartir Este Artigo
