A operadora Telefónica, a través do seu centro de emprendemento na Cidade da Cultura, Galicia Open Future, vai achegar este xoves un relatorio de Iñaki Ortega, profesor de Economía da Universidade Internacional da Rioxa (UNIR) e director de programas de Deusto Business School, ademais “dun dos maiores expertos de España en emprendemento innovador”, sinalan os organizadores do evento. A cita con Ortega en Santiago comezará ás 17.00 horas na sala Eisenman. O relatorio xirará arredor dos novos emprendedores do novo milenio, os millennials, mozas e mozos de entre os 20 e os 30 anos que buscan camiños distintos para avanzar, inventándose o seu propio emprego, creando novas empresas ou novas profesións.
O acto, organizado como dixemos por Galicia Open Future de Telefónica, estará presidido polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e nel profundarase (tamén) nas aspiracións que moven a esta nova xeración de emprendedores. Contará coa experiencia en primeira persoa de Isaac González, creador da plataforma Avalingua para a aprendizaxe e medición do coñecemento en linguas, e Nuria Igresias, promotora de TrendOn.me, plataforma dirixida ao mundo da moda e que serve de punto de conexión entre pequenos comerciantes, deseñadores, blogueiros e expertos en moda, ambas iniciativas pertencentes a Galicia Open Future de Telefónica.
Galicia Open Future trae a Santiago ao experto en emprendemento Iñaki Ortega
Compartir Este Artigo
