O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai organizar un curso sobre unha das principais ferramentas (en extensión de uso, en presenza, en potencialidades) do panorama TIC para favorecer as actividades de promoción, mercadotecnia e venda por Internet. Falamos do xestor Prestashop. O curso do CPEIG vai dirixido a desenvolvedores web que requiran desenvolver, integrar e pór en marcha proxectos en liña complexos co devandito xestor. O prazo de inscrición para a actividade formativa (Curso Práctico de Programación e Adaptación de Prestashop) xa está aberto, achegándose un total de 20 prazas.
Segundo lembra o Colexio ao fío da relevancia desta achega formativa, Prestashop é un dos xestores de tendas de comercio electrónico máis empregados na actualidade. Ademais, está programado en PHP e conta coa posibilidade de configurar diferentes modelos, módulos e extensións. O curso, que terá unha duración de 18 horas, está dirixido ás/aos profesionais que desexen coñecer de forma directa e práctica a programación e adaptación de Prestashop. A metodoloxía da acción formativa é totalmente práctica, onde o alumno, desde a primeira lección, crea e modifica un portal a través dos exercicios propostos. Cada participante na actividade, sinala o CPEIG, terá que traer o seu propio portátil para manter o traballo entre os diferentes dias e poder levar todo o final das sesións formativas.
O curso consta dunha duración de 18 horas divididas en 4 sesións de 4:30 horas cada unha. Os relatores serán Luis Cambra (programador e director de proxectos con 8 anos de experiencia como programador, con desempeño de programación a medida, como webmaster de tendas en liña e finalmente como desenvolvedor por conta propia) e Rafa Blasco (programador con 2 anos de experiencia en comercio electrónico, web e banca). Os dous relatores impartiran o curso de xeito simultáneo. Estes son algúns exemplos do seu traballo: cocinandocontigo.arcos.com, bodegainiesta.es, ragatattoo.com, topdormitorios.com ou www.holawifi.com.
O temario é o seguinte: Introducción a Prestashop e as súas funcionalidades como CMS (instalación e configuración), Personalización modelos en Prestashop, Creación de módulos e Overrides. “Cada día”, sinala a organización, “traballarase con exemplos para poder desenvolver os coñecementos”. Á idea, engade, é que os alumnos traballen todas as xornadas montando a súa tenda, o seu modelo, o seu módulo ou a súa programación a medida para aplicar os coñecementos adquiridos. A actividade celebrarase na EGAP en Santiago de Compostela os días 25, 26, 27 e 28 de maio en horario de 16:00 a 20:30
O CPEIG organiza un curso sobre programación de Prestashop para proxectos avanzados
Compartir Este Artigo
