Para lanzar proxectos de micromecenado en España existen plataformas de certa sona como Verkami, Goteo e Lánzanos, que xurdiron en boa medida ante as dificultades para acceder a plataformas máis grandes dende España, o que vai cambiar drasticamente, xa que Kickstarter está a anunciar que o vindeiro 2 de xuño comezará a aceptar proxectos españois, o que ata o momento había que facer a través de intermediarios nos EE.UU. ou Reino Unido.
Para dar a coñecer amplamente este nova ferramenta para financiar proxectos de distinto tipo (dende discos e películas ata aplicacións móbiles e dispositivos electrónicos) Kickstarter chegou a un acordo de colaboración con Sónar+D, iniciativa que aproveitan para realizar unha selección de proxectos e eventos que amosarán no espazo Made with Kickstarterdo Marketlab. Neste evento o persoal de Kickstarter desenvolverá obradoiros, relatorios e sesións de consultoría para que os participantes poidan saber o que a plataforma de micromecenado pode supor para os seus proxectos de cara á achega de financiamento (e de visibilidade).
Coa apertura de Kickstarter a España non estariamos ante unha nova páxina web, senón que simplemente pasarán a aceptarse proxectos con base en España na plataforma principal que, para facilitar os procedementos, ofrece a súa interface de usuario traducida ao español. De feito, incluso a moeda na que continuarán a realizarse as achegas económicas será o dólar americano.
Dende 2009 Kickstarter conseguiu achegar preto de 1.500 millóns de euros a máis de 80.000 proxectos creativos, sumando máis de 8 millóns de mecenas, masa moi importante que resultará de grande atractivo para certos proxectos españois que queiran conseguir unha exposición global, o que dificilmente conseguen coas modestas plataformas que ata o momento estaban dispoñibles.
Kickstarter chegará a España o 2 de xuño
Compartir Este Artigo
