Os responsables do servizo galego Truekecasa.com, especializado no intercambio de propiedades a través do uso das novas tecnoloxías, veñen de estrear software inmobiliario de seu, segundo informan “o máis avanzado do mercado dentro do sector”. Entre outras cousas, o programa permite facer “múltiples xestións dende o dispositivo móbil”, facilitando o control global de todas as operacións que desenvolva o persoal da cadea Truekecasa. Polo tanto, a nova aplicación diríxese a axilizar ao máximo o traballo dos axentes inmobiliarios da compañía, porque a través dos seus smartphones poderán captar inmóbeis, descargar contratos e documentación, realizar o seguimento de clientes, facer informes e estatísticas ou mandar ligazóns, entre outros trámites.
O software tamén fornecerá vantaxes para a dirección de Truekecasa, xa que amplía a súa marxe de optimización e supervisión das operacións en curso. Polo que atinxe ao cliente, verase beneficiado recibindo “un mellor servizo de asesoramento durante todo o proceso de aluguer, compra ou permuta”, sinalan os responsables da cadea galega, que engaden que a incorporación deste sistema “representa un paso máis no esforzo por configurar un modelo de negocio diferenciador no sector a nivel estatal”.
Como lembraremos, Truekecasa é unha iniciativa galega que conta xa con catro oficinas e que potencia un servizo innovador e pioneiro cuxo principal valor é alentar o mercado inmobiliario a través da fórmula do troco de propiedades. O obxectivo da firma é afianzar o seu sistema de franquías, mediante o que agarda espallarse en España cunha rede de 25 oficinas a medio pazo.
Truekecasa.com estrea software inmobiliario
Compartir Este Artigo
