A empresa galega Altia, centrada en servizos avanzados TIC, vén de presentar as contas de 2014, uns números que seguen a amosar a liña ascendente do exercicio anterior, amplificándoa e incrementándoa. Máis polo miúdo, a cifra de negocio da firma situouse o ano pasado en 54.085.535,41 euros en 2014, un 19% máis ca no ano anterior. Segundo fixo saber durante a xunta xeral de accionistas o presidente da compañía, Constantino Fernández, o devandito dato “representa un 9% máis do previsto no Plan de Negocio da Compañía, que era de 49,4 millóns”. A este proceso de medre, sinalou, axudou o afianzamento de novos negocios e máis “a maduración dos investimentos acometidos en 2013”, entre outras cousas.
O aumento que se produce nos resultados reflíctese no EBITDA consolidado, que aumentou un 37% respecto a 2013 e chegou a 7,19 millóns de euros (o que supón un 13,3% sobre ventas)”.
Polo que atinxe ás ganancias en 2014 de Altia, foron de 4,5 millóns de euros, dos que a empresa destinou 1,1 á repartición de dividendos, un 24,4% do beneficio neto total. Máis polo miúdo, a compañía distribuíu entre os seus accionistas un dividendo de 16 céntimos por acción.
Lembrar que dende a súa orixe en 1994, Altia desenvolve proxectos en sectores de actividade do máis variado, como o industrial, o financeiro, os servizo, o eido das telecomunicacións ou as administracións públicas. De catro anos a esta parte as súas accións cotizan no mercado alternativo bolsista (MAB) no segmento de empresas en espallamento.
Medra un 19% a cifra de facturación consolidada de Altia
Compartir Este Artigo
