Para quen queira gozar vendo os últimos desenvolvementos dos nosos futuros expertos en intelixencia artificial, dicirlle que hai se achega unha relevante cita sobre a materia que nos colle aos galegos ben de preto. Falamos da Olimpíada Mundial de Robótica, a edición galega da World Robot Olympiad (WRO), que se celebra na Coruña o vindeiro 20 de xuño e que vén da man da Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Colexio Compañía de María da Coruña e as súas asociacións AMPA e ARKITAS Robótica. A competición está dirixida a rapazas e rapaces de entre 7 e 19 anos. Haberá tres categorías diferentes. A través delas, os participantes terán que montar e programar os robots en directo e competir por equipos en tres retos diferentes.
Os equipos que superen a fase local irán á cita estatal en Barcelona o vindeiro 11 de outubro. A final internacional este ano celebrarase en Doha, Catar, os días 6 e 8 de novembro.
Trátase da primeira vez en que A Coruña acolle esta competición de robótica, sendo o emprazamento elixido o pavillón de deportes do Colexio Compañía de María (avenida Calvo Sotelo 2-4). Como dixemos, a cita galega conta co apoio do CPEIG e o patrocinio de organizacións, entidades e colectivos como por exemplo Cetronics A Coruña, a Obra Social La Caixa, a Fundación EducaBot e ARKITAS, socio local da WRO. Este evento internacional conta cunha década de traxectoria. Celebrou a súa primeira a súa primeira competición de robótica no ano 2004 e nela participaron 12 países e 4.000 equipos. En 2013, foron máis de 42 países e en torno a 20.000 equipos de todo o mundo os que competiron nas actividades de competicións locais, rexionais e nacionais. Ao longo do 2015, celebraranse torneos nas cidades da Coruña, Barcelona, Burgos, Xirona, Xaén, A Rioxa, As Palmas, Lleida, Madrid, Málaga, Murcia, Donostia, Tenerife, Valencia e Vic. Como se dixo, a final internacional, á que accederán os equipos que gañen as competicións a escala nacional, celebrarase este ano en Doha, Catar, os días 6 e 8 de novembro.
Todos os nenos e nenas que concursen na WRO recibirán un premio en recoñecemento á súa participación e esforzo. O premio para os equipos gañadores de cada unha das 3 categorías consistirá nun cheque regalo por un importe de 1.500 € que se outorgará aos centros escolares correspondentes e que se destinará a axudar aos devanditos centros a sufragar os gastos para a participación dos seus alumnos na fase nacional o vindeiro 11 de outubro no centro Cosmocaixa en Barcelona. Para formalizar as inscricións, os centros escolares poderán dirixirse á páxina da WRO.
A Coruña acollerá en xuño a edición galega da Olimpíada Mundial de Robótica
Compartir Este Artigo
