Esta semana, días 29 e 30 de maio, a Illa de San Simón (Redondela) acolle unha das xuntanzas de temática dixital máis salientables da tempada. Falamos de #NEThinking, que vai pola súa quinta edición e que, para os que non poidan acudir, será retransmitido con tecnoloxía streaming e vía Twitter. A xuntanza, impulsada pola Secretaría Xeral de Cultura, terá como anteriores ocasións un debate de debate aberto, fomentándose ao máximo o intercambio de coñecemento e puntos de vista arredor de temas de actualidade como o uso (axeitado e erróneo) que se lles pode tirar ás redes sociais, as posibilidades de comunicación de Internet ou as metodoloxías aplicables para informar con espírito crítico e sen deixar de lado o respecto cara a persoas e entidades.
O encontro, sinala a organización, contará con “algunhas das figuras máis influentes do escenario dixital, desde comunicadores e blogueiros ata artistas”. En definitiva, darase acubillo unha vez máis aos integrantes da chamada Comunidade #NEThinking, un colectivo que, como todos os vencellados ás novas tecnoloxías e recursos de comunicación compartida e participativa, engade aos seus habituais compoñentes novas incorporacións.
Este ano “enriquecerán o caudal crítico e creativo do encontro”, en palabras da organización, a investigadora e consultora Estrella Montolio, que introducirá o tema da chamada “linguaxe clara”. Tamén debuta o guionista e comunicador José A. Pérez Ledo e un dos principais referentes da blogosfera con mimesacojea.
Pola súa banda, Alberto Casado e Rober Bodegas avaliarán o fenómeno e os límites do humor na Rede, e a revista Jot Down terá a súa representación co columnista Manuel de Lorenzo. Tamén nesta edición volve sentar ante as cámaras de #NEThinking o escritor e analista Antón Losada, que centrará o debate sobre a información e a propaganda.
A xornada do 29 abrirase, segundo avanzan a organización, “con reflexións arredor de grandes preguntas sobre o contorno dixital como quen somos, de onde vimos ou cara a onde imos”. En concreto, abrirase fogo coa seguinte pregunta: Somos escravos das tecnoloxías?
Na xornada do sábado, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitará na illa o equipo #NEThinking, abordándose ao longo do día temas como o uso que se lles dá ás redes sociais, os modos de escribir en internet, os límites do humor na Rede ou a información e propaganda virtuais.
Entre os participantes deste ano tamén figuran artistas, creadores e comunicadores como a guionista, xornalista e escritora Raquel Martos, que para esta edición propón introducir no debate voces externas de xornalistas, políticos, communitys e usuarios anónimos de Twitter para saber como utilizan as redes sociais.
A quinta edición tamén contará de novo con recoñecidos e activos blogueiros como José Jiménez Moltó (Kurioso); editores de medios dixitais e expertos en redes sociais como Ismael El-Qudsi (IntrernetRepublica) ou Eduardo Arcos Hipertextual); consultores como Mario Tascón (Prodigioso Volcán) e Antonio Delgado (@redada); así como o director xeral da Fundèu, Joaquín Müller; o director de Zona Noroeste da SGAE, Juan Carlos Fdez. Fasero, e os profesores Miguel Ángel López (Hematocrítico) e Joaquín Rodríguez.
#NEThinking converte esta semana a Illa de San Simón no centro do debate dixital
Compartir Este Artigo
