A asociación Ineo, entidade que xunta unha parte salientable das nosas firmas TIC, deu a coñecer esta semana un importante cambio na súa directiva. Máis polo miúdo, trátase da incorporación ao posto da presidencia de Carlos Conde, profesional con ampla experiencia no sector e responsable de Negocio en Galicia en INSA (Enxeñaría de Software Avanzado). Segundo fixo saber Ineo, o novo presidente da entidade asume como reto “capitanear a transferencia de tecnoloxía a outros sectores, fomentando o desenvolvemento de solucións adaptadas en colaboración coas empresas cliente e ampliar o número de socios, atraendo a novas empresas”.
Esta actividade de captación de novas firmas, engade a asociación, intensificarase especialmente nas provincias galegas menos representadas en Ineo, que como lembraremos ten a súa sede en Vigo e, por lóxica, aglutina máis compañías da principal cidade galega e da súa contorna. Amais deste obxectivo de ampliar as marxes de adhesión de empresas, a nova andaina de Ineo inclúe na súa folla de ruta o reto de estimular a excelencia empresarial nas novas firmas tecnolóxicas para garantir a súa creación desde bases empresariais sólidas. A incorporación de Carlos Conde foi dada a coñecer durante o transcurso da asemblea xeral de Ineo. Jorge Cebreiros, presidente saínte, estivo á fronte da asociación durante dous mandatos.
Carlos Conde é enxeñeiro de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo. Tras 10 anos en Madrid en diversas empresas de tecnoloxía, como Nortel Networks, volveu a Galicia como director do Centro de Innovación Tecnolóxica de INSA e arestora desenvolve labores de Desenvolvemento de Negocio en Galicia. Conta con ampla experiencia en empresas de servizo e consultoría tecnolóxica, especialista na procura e aplicación de novas tecnoloxías e enxeñaría. Tamén liderou proxectos de consultoría tecnolóxica en diversos sectores, así como o desenvolvemento da rede de distribución a nivel nacional de equipos tecnolóxicos de primeiro nivel.
Carlos Conde é o novo presidente de Ineo
Compartir Este Artigo
