A Cámara de Comercio de Santiago anunciou a súa participación nun proxecto europeo que impulsa recursos tecnolóxicos colaborativos para o espallamento comercial dos autónomos e as PEME. Trátase do proxecto Entrepeneur 2.0, iniciativa cofinacianda polo programa Leonardo da Vinci da Unión Europea e que se centra, como dixemos, en abrir o emprendemento en Europa por medio das ferramentas 2.0 e os servizos da nube. O seu obxecto é tirar proveito destas solucións e “fixar unhas bases para o éxito empresarial”, ofrecéndolles axuda na súa saída ao exterior “mediante a equipamento e dotación con habilidades para o manexo de ferramentas interactivas”. A entidade compostelá, sen ir máis lonxe, participou este mes de maio nunha xuntanza de traballo arredor de Entrepeneur 2.0 celebrada en Lituania.
O proxecto, que se estenderá ata xullo de 2015, está dirixido a desempregados, emprendedores, autónomos, PEME e microPEME de países europeos que queiran converterse en empresarios de nova xeración.
A reunión de pilotaxe en Lituania contou coa asistencia de vinte representantes de todos os países socios e colaboradores como son Grecia, Turquía, República Checa, Irlanda, Eslovenia, Lituania, ademais da Cámara de Comercio de Santiago.
O programa e axenda da reunión (a sexta xa) comezou cunha recepción oficial na Biblioteca Nacional de Lituania. Na cita, os socios elaboraron un catálogo de servizos e ferramentas baseados na web 2.0 e na nube para facilitar aos destinatarios do programa o acceso á internacionalización e innovación a baixo custo. O catálogo será o itinerario formativo que usarán os emprendedores para a súa formación en liña. Este recurso, segundo fai saber a Cámara, está especializado nos eidos da mercadotecnia do correo electrónico, as páxinas web, as redes sociais, o asesoramento e o apoio empresarial, a xestión financeira, o asesoramento legal, a xestión da relación co cliente, a intelixente empresarial, as ferramentas colaborativas, a produtividade, a aprendizaxe en liña e a contratación externa.
O documento presentarase aos empresarios da demarcación a finais de ano nunha xornada organizada na Cámara de Santiago.
A Cámara de Comercio de Santiago colabora nun catálogo europeo de ferramentas 2.0 para a internacionalización
Compartir Este Artigo
