O centro de formación da Coruña Aula Nosa, coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), organiza o Curso Hardening de Sistemas Windows e Infraestruturas. A actividade, que terá unha duración de 24 horas, está dirixida a administradores e técnicos de sistemas ou perfís do sector da seguridade informática que queiran “afianzar a súa saber na área da protección de redes e sistemas informáticos”. En termos xenéricos, o curso servirá para ampliarmos coñecementos en materia de protección das organizacións.
Nun plano máis concreto, teranse en conta aspectos relacionados coas boas prácticas en seguridade perimetral, medidas de seguridade globais na fortificación de sistemas operativos Windows, así como en servizos típicos para os que estes son empregados, como servidores web, bases de datos, etc. Segundo engaden o CPEIG e Aula Nosa, “veranse exemplos reais e implantación dunha topoloxía de consolidación e correlación de eventos (SIEM) que permitan detectar e bloquear de forma proactiva diversas ameazas”.
O curso, como dixemos, terá unha duración de 24 horas repartidas nunha fin de semana, o 19, 20 e 21 de xuño. O horario o venres será de 15:30 a 21:30, e o sábado e domingo o horario será de 10:00 a 14:00 e de 15:30 a 20:00. O prazo de inscrición e do 4 ao 15 de xuño. As prazas son limitadas. A dirección de correo para inscribírmonos é info@aulanosa.es ou ben chamando aos teléfonos 981250019 / 658238542. A actividade impartirase no centro Aula Nosa, Rúa do Mosteiro de Caaveiro, 1, na Coruña. O docente será Pedro Sanchez Cordero, recoñecido profesional da seguridade e o peritaxe informático a nivel nacional e que conta con blog referencial de seu, conexioninversa.blogspot.com.es.
Aula Nosa e CPEIG achegan un curso para mellorar a nosa experiencia en protección de organizacións
Compartir Este Artigo
