Definitivamente, xa hai aplicacións móbiles para todo. Ou para case todo. Mesmo para facilitar o lavado do noso vehículo. Disto trata precisamente Washme, plataforma e aplicación móbil desenvolvidas dende Barcelona destinada en orixe a achegar servizos de limpeza para motos e scooters e agora, tras unha serie de optimizacións, tamén para coches, monovolumes e todoterreos. A ferramenta foi posta en marcha hai tres meses na área metropolitana da capital catalá e ao longo deste período os responsables do seu desenvolvemento foron quen de obter unha taxa do 95% en nivel de satisfacción dos clientes (é a porcentaxe de usuarios que consideran “excelentes” os servizos achegados). Washme ten o seguinte funcionamento: pon en contacto a propietarios de vehículos con profesionais autónomos da limpeza.
“Mediante a plataforma”, informan os seus desenvolvedores, “os usuarios poden encargar o lavado do seu medio de transporte en calquera sitio onde estean e sen necesidade de estaren presentes mentres o operario adherido á plataforma executa o seu labor na área de estacionamento do coche ou a moto”. Trátase, explican, dun xeito de traballar cómodo, rápido e eficaz para todos implicados.
As persoas que solicitan estes servizos fano a través da aplicación tras descargala de balde dende Google Play (no caso de contar con sistema Android) ou entrando en www.getwashme.com (para iOS e calquera outro sistema operativo).
Respecto da metodoloxía de uso a seguir, sinalar que despois de seleccionarmos o punto onde se atopa a nosa moto ou coche (fogar, oficina, aparcamento público ou privado) encargamos o lavado e o limpador máis próximo ás coordenadas indicadas, que se desprazará ao lugar exacto para levar a cabo a súa tarefa. Logo, cando o vehículo estea limpo, chegaranos unha notificación de confirmación ao móbil ou ao correo. O pago deste traballo realízase a través da aplicación ou a web, en palabras dos responsables da plataforma “de forma segura”.
Os creadores de Washme son Bartek Kunowski e Iván Nikolic. O primeiro é un enxeñeiro informática de orixe polaca-canadense que reside en Barcelona dende 2011. O segundo, barcelonés de orixe arxentina, estudou Enxeñaría Superior Informática na Universitat Politécnica de Catalunya.
En marcha unha plataforma que pon en contacto a propietarios de vehículos e limpadores freelance
Compartir Este Artigo
